O “provincialismo” galego na rebelión de 1846

O 2 de abril de 1846 rebelouse en Lugo, contra o governo do conservador Ramón Narvaez, o Segundo Batallón do Rexemento de Zamora, que estaba de paso pra Valladolid, e que se quería afastar da Coruña onde se temía unha revolta liberal. Axiña sumaríase ao levantamento Compostela, e días despois Pontevedra, Vigo e Tui, así como numerosas vilas. Mentres a Coruña, contra o esperado, convertíanse no centro do apoio ao Governo. Reinaba Isabel II. A insurrección non prendeu no Estado español, e adquiriu características marcadamente galegas.

O 15 de abril constituíuse en Compostela a Xunta Suprema do Governo de Galiza, que nomeou como presidente a Pío Rodríguez Terrazo e secretario a Antolín Faraldo. A Xunta editou tres números do seu voceiro “Revolución”, no primeiro número afirmábase: “galegos, contando co voso apoio lograrase que a nosa provincia [que definía como unha colonia da Corte] sexa temida e respectada”. Entre as medidas que se tomaron, ademais das de orde militar, figuraban as seguintes: derrogación dos aranceis xudiciais de 1845, reforma do plan de estudos, reforma dos pasaportes, modificación do imposto de consumos e portas, supresión do sistema tributario, supresión da policía, rebaixa do sal, arranxo do culto e clero, substitución dos concellos estabelecidos no1846 polos de 1843, declarar auxiliares todas as xuntas de Galiza.

Decididos a tomar o resto das cidades do país os insurrectos comandados por Miguel Solís organizan dúas columnas, unha ao seu mando que se dirixe A Coruña e Ferrol, e outra comandada por Rubín de Celis co obxectivo de ocupar Ourense. Nesta cidade a povoación era maioritariamente liberal (progresista) e había sectores dispostos a sumarse a revolución. Chegou a Segunda División de Rubín a Ourense o 17 de abril, mais foi recibido con fogo de fusilería das tropas da cidade na ponte sobre o río Miño. Despois dalgúns intentos pra avanzar Rubín optou por se retirar a Ribadavia. Entón comezou unha marcha de vagar e desordenada até Compostela, coa evidente intención de evitar a confrontación coas tropas do Governo.

O día 23 de abril foi decisivo, pois as tropas de Solís, que voltaran a Compostela días antes e decidiran repregarse sobre Pontevedra, e en Cacheiras entraron en contacto co exército enviado polo governo baixo o mando de Gutiérrez de la Concha. Os efectivos deste último dobraban os de Solís, e eran moito máis fortes en artillería e cabalería. Da parte galega a forza era heteroxénea xa que estaba formada por militares, estudantes e paisanos, e mal armada. Despois do primeiro choque, no que houbo 60 mortos e 150 feridos, os insurrectos víronse forzados a recuar a Compostela onde a loita sería corpo a corpo, cunhas 500 baixas. O mosteiro de San Martiño Pinario converteuse no último reduto duns 2.000 revolucionarios até que se lles remataron as municións.

Os xefes e oficiais (56 en total) foron conducidos a Coruña, xulgados por un Tribunal Militar no traxecto (sen ningún tipo de defensa). Serían fusilados Solís e 10 capitáns o 26 de abril en Carral, e un sarxento o 4 de maio en Betanzos. Moitos serían expatriados ás posesións españolas de ultramar dende Ferrol; cidade na que estiveron detidos máis de 2.000 rebeldes. Na provincia de Lugo seguiu actuando un grupo guerrilleiro de 80 homes, ao mando do comandante Roberto Robles, e na de Ourense outro de 57 ás ordes do capitán Basilio Matens, que se manterán activos algún tempo. A rebelión de 1846 permitiu agromar con forza a primeira xeración galeguista (soberanista), que non só aporta unha doutrina política, o provincialismo (xa que busca recuperar a unidade administrativa, perdida en 1833 pola disolución do Reino de Galiza) senón que ademais consegue controlar a dirección política do pronunciamento militar.

Artigo publicado o 2 de abril de 2024 en La región