De xardíns e selvas en todas partes

Ficamos nunha etapa na que as potencias (o gran capital) non dan resolto o papel que lle corresponde a cada unha na cadea de valor, polo que foise agudizando a confrontación en todos os ámbitos, tanto nos contidos como nas formas. A tendencia é especialmente negativa para os Estados Unidos e aliados (baixo aumento do PIB), mentres non deixa de medrar o papel económico e militar das potencias emerxentes (Rusia, China, India, Brasil, Indonesia, Iran, Turquía…). Algunhas desta últimas están agrupadas agora nos BRICS que se ven como unha alternativa (en construción e de diversidade), e por parte de moitos países que buscan rachar as súas relacións neocoloniais, de intercambio desigual co imperialismo de Estados Unidos; así como coa UE, Reino Unido, Xapón… que xogan un papel sub-imperialista, dado a súa dependencia de Washington.

Temos un mundo con inmensos retos pola desfeita ecolóxica, e os límites en materias primas, que condicionan non só o modo de produción de bens e servizos senón tamén os propios hábitos de vida. Ao que se lle engade esta disputa na que as vellas potencias non queren renunciar aos seus privilexios, nalgúns casos de séculos, co perigo latente dunha guerra nuclear. É verdade que Estados Unidos segue sendo unha economía poderosa, aínda que a nivel da industria transformadora foi superada por China (canto tardará en facelo a India?), mais a potencia norteamericana conta cun enorme exército e complexo industrial militar, e o control sobre as tecnolóxicas máis avanzadas, as finanzas, a moeda de reserva, e os grandes medios de comunicación sistémicos.

Agora ben, que a Federación Rusa resista e vaia gañando a guerra contra a Ucraína+OTAN, e que a súa economía medre este ano por riba do 3%, malia as sancións, é unha demostración práctica dos cambios que se están a producir respecto da correlación de forzas no ámbito militar e económico. Daquela que se forzase o ingreso de Finlandia e Suecia na OTAN, e non se invadise Níxer, malia as primeiras intencións de Macron.

A este panorama tan complexo e con límites cada vez máis evidentes tanto no eido da produción como da demografía, dan por finalizada aquela etapa na que as potencias coloniais expandíanse ao seu gosto para someter novos territorios. Hoxe a única vía posíbel é o trato entre iguais, a xustiza social, respectar a soberanía popular. O camiño da soberbia leva, máis tarde ou cedo, á barbarie, como a do exército israelí en Gaza. Hai xardíns e selvas en todas partes. A diversidade da humanidade é unha parte esencial da súa riqueza.

Artigo publicado o 6 de abril de 2024 en Diario de Ferrol