Fake news, tamén pola Sputnik-V

O anuncio do rexistro da vacina rusa Sputnik-V contra o covid-19, e de que a primeiros de outubro comezará a subministrarse a determinados sectores da povoación, así como que se fabricará noutros países, seica Cuba, axiña foi desprestixiada polos medios sistémicos das potencias occidentais e aliados. Non se lle deu tempo a que se probase a súa eficacia. Nen sequera se tivo en consideración, que dado que foi presentada por Putin implica unha certa seguridade, xa que de se tratar dun fracaso coloca en perigo seu prestixio no interior e no exterior, tamén o de Rusia.

Respecto de Sputnik-V cómpre lembrar que foi elaborada por un laboratorio público, e que será subministrada gratuitamente á povoación, o que coloca nunha difícil situación ás grandes farmacéuticas privadas, que teñen como unha meta esencial a obtención do lucroi. Daquela o reaxer. Asemade, tamén doerá que neste ámbito as potencias occidentais queden por detrás daquelas que teñen un carácter emerxente, co que isto implica no subconsciente colectivo nun escenario de confrontación, pola oposición de Washington a aceptar un mundo multipolar.

Por isto, tendo en conta a gravidade da pandemia, cando todos deberían estar contentes e poñendo o foco na blindaxe que representa a vacina fronte ao covid, as grandes axencias e moitos medios de comunicación de masas amosaron máis unha vez o férreo control que sobre eles teñen as potencias hexemónicas. Axiña comezouse a sementar a desconfianza: que a comunidade científica albiscaba falta de seguridade… que non se cumpriran todos os pasos necesarios para garantir eficacia e evitar consecuencias secundarias… Ou sexa, unha información nesgada, que non está avalada por persoas ou institucións científicas xa que, normalmente, son máis cautas, aínda que podan ter desconfianzas e sentirse feridas ao verse relegadas nunha investigación na que puxeron tanto esforzo e esperanzas. Poucas veces dáse unha información alternativa aos intereses das corporacións farmacéuticasii.

En todo caso, en poucos meses poderase comprobar a verdade, verase a efectividade da vacina rusa e de moitas outras (Estados Unidos, Reino Unido, Francia, China, etc.). Claro que mentres tanto pódese seguir alimentando a especulación e gañando tempo. O que lles permitiría ás que chegaron regazadas, colocarse como subministradoras naqueles países sobre os que teñen maior influencia, que son moitos. Falamos de ingresos e influencia. Este semella ser o guión que seguen os medios de comunicación sistémicos. Agora ben, tamén cabe a posibilidade de que esta vacina resulte un fíasco. O tempo dirá cal das dúas hipóteses é certa, mais os antecedentes apuntan a que sexa a primeira.

O que chama a atención é que Astra Zeneca o 12 de agosto chegase a un acordo de produción con Arxentina e México sen ter rexistrada vacina. A presa deberíase ao anuncio ruso? Ademais, segundo a información dalgúns medios, isto implicaría realizar en paralelo a última fase. Vale, porén sendo así avalaría a postura do laboratorio público ruso, que agora tanto critican. Ademais, seica nos acordos con Astra Zeneca figuraría que a compañía non sería responsábel dos efectos secundarios que puidese causar, o que significa un cheque en brancoiii.

A actitude dos medios respecto deste e doutros temas, como a Guerra en Siria, a situación en Venezuela, a confrontación entre potencias, etc. deixa en evidencia a inmensa importancia que a esta altura teñen os medios de comunicación, a cultura de masas, a dixitalización, xa que son decisivos na formación da conciencia, e no control dos comportamentos individuais e colectivos. A súa incidencia é fundamental no ámbito político e social, no consumo, na nosa relación coa natureza, na solidariedade, etc. Bolívar dixo cando apareceu o Correo do Orinoco, hai dous séculos, en plena loita da Gran Colombia a prol da independencia da Monarquía española, que este xornal valía máis que 200 canóns. Tiña razón. Hoxe este papel está multiplicado. Polo que, a primeira liña para a transformación, para a liberación nacional e social, está en gañar a batalla no eido das ideas.