Unha estratexia para o reaxuste?

As cousas non van ven para Unión Europea, especialmente nas súas dúas locomotoras, Alemaña e Francia. Daquela a que cada un destes mandatarios deixe en evidencia propostas e actitudes belixerantes, máis emocionais que políticas, a medida que perden apoio social. En termos económicos o medre do PIB na UE está conxelado ou con crecementos mínimos. Por motivo da perda de capacidade competitiva (por un custe da enerxía máis alto), a caída do sector industrial e das exportacións, e unha actitude cada vez máis confrontativa co seu principal socio comercial: China. Ademais, a incapacidade de dobregar a Rusia na guerra na Ucraína, dá azos á soberanía nos países que tiñan un papel subalterno na cadea de valor. Unha tendencia que cuestiona a orde da globalización neoliberal, coa emerxencia de novas potencias, mentres que aumenta a dependencia da UE respecto dos Estados Unidos.

Neste contexto, o fracaso das sancións e o avance de Rusia na fronte de batalla, e a fortaleza da economía China, implican un duro golpe para o tradicional papel subimperialista que asumiu a UE.

Daquela, ao non obter resultados positivos coas políticas actuais de confrontación económica, social, mesmo armada, e esencialmente no relato, convirtense en habituais as declaracións  belixerantes e contraditorias entre os governantes dos países que integran a UE.

Resulta evidente o fracaso da folla de ruta actual e a falta dun proxecto alternativo (progresista e solidario). Un plan que debe ser asumido por todos os países membros da UE, e que sirva gañar socios non forzados no resto do mundo. Un plan que teña en consideración a capacidade económica e militar real da Federación Rusa, a potencia económica de China, e que remate coa enorme dependencia da UE respecto dos Estados Unidos, tanto no eido militar, como nas novas tecnoloxías, na comunicación e cultura de masas, no ámbito financeiro… E, o que é máis grave, e que para alén do relato, esta potencia amosa un xeito de proceder imperialista, onde prima a soberbia sobre a xustiza social, a soberanía, a igualdade e a solidariedade. Ignorando o trato entre iguais e un mundo en paz, que deberían ser os obxectivos de todos os países do mundo.

Resulta difícil pensar que todo isto non se vexa é analiza na Unión Europea. Que se aposte pola guerra e o armamentismo. Polo tanto non podemos deixar de nós facer a seguinte pregunta: non preferirá o gran capital europeo e a burocracia de Bruxelas utilizar a confrontación externa para xustificar un reaxuste económico a costa das clases populares?  

Artigo publicado en Diario de Ferrol o 1 de abril de 2024