Discurso de guerra e reaxuste a todos os niveis

Ás declaracións do Primeiro Ministro polaco, respecto de que a Unión Europea está nunha situación de preguerra, súmase a de outros mandatarios europeos, como as de Macron presidente de Francia que anticipa que estaría disposto a enviar tropas á Ucraína, para evitar que venza nesta guerra a Federación Rusa, ou que se asine un pacto de paz que favoreza a Moscova e fortaleza un mundo multipolar. Ou sexa, que na UE sen consultalo coa povoación, nen tratalo nos parlamentos, estase impoñendo desde os executivos e medios de comunicación sistémicos a mensaxe da belixerancia como única saída. E isto implica que en calquera momento pódese converter o conflito entre Ucraína+OTAN nunha guerra europea e mesmo mundial, malia que ese non sexa o obxectivo final dos que aumentan a tensión. O perigo dunha guerra nuclear son evidentes, cando cada día dáse un novo paso no enfrontamento, e ambas partes contan con medios abondo neste aspecto. Daquela non habería triunfadores, xa que ninguén pode garantir que os ataques fosen localizados e moi limitados.

Todo fai pensar que, ou se volveron todos/as tolos na OTAN, que todo indica xa está na primeira liña no que a guerra verbal e apoio loxístico se refire, ou do que se trata é de ameazar co precipicio para obrigar á outra parte a negociar en condicións de desvantaxe (para que todo volva a como estaba hai unha década). Trataríase de manter a hexemonía de “occidente”, e a globalización neoliberal feita á súa medida a nivel internacional, así como no interior de cada país, creando para logralo un contexto de alarma social por unha presunta agresión rusa. Quérese agochar a oposición das clases populares contra as guerras e as medidas que alentan a desigualdade entre nacións e clases sociais (en beneficio do imperialismo e o gran capital). A situación económica é sen dúbida preocupante especialmente na UE con crecementos mínimos e caídas do PIB nas locomotoras, da Unión: Alemaña e Francia. Na primeira polo aumento do prezo da enerxía e materias primas, e as sancións a Rusia (tamén a China); na segunda, polo recuar do partido de Macron, e a perda de control en países cos que tiña unha relación neocolonial (Malí, Burquina Faso, Níxer, Guinea,…). Porén sobre todo pola concentración da riqueza nunhas poucas empresas e grandes fortunas. Véxanse os beneficios das enerxéticas, banca, farmacéuticas, tecnolóxicas da comunicación…

Que China se consolide como a 1ª economía do mundo, e a Federación Rusa gañe a guerra na Ucraína, mantendo o medre do seu PIB, dan pulo á unha tendencia que dá forza ao multilateralismo, mais tamén, ao mesmo tempo, resta antigos privilexios a Estados Unidos, a UE, Reino Unido, e outros aliados, que lles permitían regular no seu beneficio a cadea de valor: tanto da produción de bens e servizos, como do mercado financeiro, o cambio entre moedas, control da comunicación, etc. Mais sendo isto positivo, non implica necesariamente un mellor reparto no interno nas potencias emerxentes, e que impere a xustiza social, a democracia popular… Neste aspecto esencial hai moito que facer, é unha tarefa que debe ter a máxima prioridade. Agora ben, tampouco se pode obviar que as “democracias occidentais” sono máis por relato que por unha realidade económica-social-política.

Ficamos nunha conxuntura histórica, na que se decide o futuro do mundo respecto da conservación da natureza e da diversidade cultural e lingüística, mais tamén, como xa dixen e repito, en como vai ser a distribución do traballo e da riqueza. E neste aspecto a estratexia da UE, ademais da súa dependencia dende a 2ª Guerra Mundial de Estados Unidos e do mundo anglosaxón, que non cuestiona, todo indica que busca co aumento do gasto militar tanto unha nova fonte de emprego (a costa de servizos públicos e dos ingresos da clase traballadora, e de pequenos empresarios/as), así como o poder necesario para volver á antiga orde internacional. E iso implica como mínimo illar a China e Rusia, impoñendo acordos ás potencias rexionais que teñen políticas propias (Turquía, India, Brasil, Mexico, Indonesia…).

A anterior é unha folla de ruta de “occidente”, baixo a dirección dos Estados Unidos, que nace fracasada, abonda ollar na última década o medre do PIB nas distintas rexións do mundo, especialmente e Asia e África. Mesmo China, malia todas as medidas de “occidente” para limitar seu comercio exterior mantén un ritmo de crecemento do 5%. A Unión Europea camiña cara un retroceso económico e social. A única saída con futuro é o dialogo, a paz, protexer o ecosistema, respectar a vontade dos povos (non de estados artificiosos), e avanzar na xustiza social e a igualdade.

Artigo publicado en Nos Diario dixital o 7 de abril de 2024