Arxentina, o “anarco-capitalismo” no poder

Milei convenceu co seu relato nas pasadas eleccións a un 56% dos/as votantes da Arxentina (participou o 76,31% do electorado). O resonsabel do aumento da pobreza, da precariedade laboral, da marxinalidade, da inflación, era, segundo el, obra da “casta”. Así denominaba aos partidos sistémicos e a todo aquilo que constitúe a estrutura do estado. Milei prometía eliminar o estado, e se quedaba algo privatizar a súa xestión. Ademais de substituír o peso polo dólar, pechar o banco central, privatizar as empresas públicas, e eliminar ou reducir as subvencións a moitos colectivos vulnerábeis que (seica) se “aproveitaban” destas achegas públicas. Aínda que contra o prometido aumenta impostos, mentres despide 20 mil empregados públicos.

Continue reading →

A forza está no povo (organizado e con proxecto de seu)

A proposta electoral de Milei, coa promesa de que con duros sacrificios iniciais en pouco tempo poderíase eliminar o flaxelo das altas taxas de inflación, evitando o aumento constante da pobreza e da precariedade laboral, a incerteza e a inseguridade, convenceu nas pasadas eleccións a un 56% dos/as votantes da Arxentina (participou o 76,31% do electorado, ou sexa, unha parte significativa abstívose). A responsabilidade do alto crecemento da concentración da riqueza e do aumento da pobreza era, segundo el, obra da “casta”; unha denominación coa que designaba aos partidos sistémicos, empregados públicos e a todo aquilo que formaba parte da estrutura do estado. Milei prometía eliminala en gran medida, ademais de substituír o peso polo dólar, pechar o banco central, privatizar as empresas públicas e moitos servizos esenciais, e reducir as subvencións a moitos colectivos que (seica) se “aproveitaban” destas achegas públicas.

De que gañase a presidencia, sen contar cunha forte estrutura partidaria, coido que Milei fai unha lectura pola que asocia este triunfo a manter unha actitude moi agresiva tanto coa esquerda como cos seus aliados circunstanciais do centro dereita neoliberal, aos que mesmo considera “socializantes”. Reforzando así a responsabilidade que ambos sectores teñen diante da sociedade pola crise económica e social da última década (Macri, Álvarez), e que el estende interesadamente a todo o período transcorrido desde a caída da ditadura militar. Daquela que se volva cada vez máis agresivo nas súas mensaxes e nas medidas que toma, máxime cando non ten maioría nas cámaras de senadores/as e deputados/as, e as contradicións entre o relato político previo e as decisións de governo son cada vez máis evidentes, e os resultados nada efectivos, polo que desviar a atención das cuestións centrais tamén forman parte do discurso. Aínda así mantén unha alta porcentaxe de apoios segundo as enquisas, malia que a mobilización da sociedade contra as medidas do Governo é cada vez maior. Axúdalle nesta actitude de sacrificio e/ou confianza cega, dunha parte importante da sociedade, a fragmentación do peronismo e da dereita neoliberal, e a debilidade da esquerda antisistemica. Falta un proxecto alternativo que se presente e se vexa como superador do realizado por Macri e Fernández, e que ligue a resposta sindical e social a unha folla de ruta e política de alianzas que rache coa dependencia exterior e a concentración do poder no gran capital.

Continue reading →

Milei alenta a confrontación e o espectáculo

A porcentaxe de pobres na Arxentina non deixa de medrar, foi do 48% en decembro do ano pasado, do 56% en xaneiro deste ano e calculase que dun 61% en febreiro. Son datos que amosan como bule a caída do poder adquisitivo da povoación. No pasado mes de xaneiro baixaron as vendas no comercio polo miúdo un 28,5% inter-anual, e como é lóxico tamén caeu a recadación de impostos, como o IVE, e os ingresos por achegas á seguridade social. Unha desfeita. Que Milei e os seus partidarios, e por suposto os grupos económicos beneficiados, pretenden compensar cun superávit nos orzamentos, como consecuencia de que se conxelaron ou diminuíron os servizos e prestacións públicas, exercidas polo Estado ou as provincias, lembremos que se trata dunha federación.

Continue reading →

Os tempos políticos dependen da velocidade do maquinista

A oposición peronista aínda non se recuperou das derrotas. A primeira, que non fose quen de reducir a inflación e manter o poder adquisitivo dos salarios, pensións e outro tipo de axudas,… elevando por riba do 40% a povoación que está por debaixo do chanzo de pobreza. A segunda, consecuencia da anterior, perder as eleccións fronte a Milei, e sobre todo non estar preparados para responder a un escenario político deste tipo. Daquela que aínda hoxe o peronismo careza dunha estratexia única, por exemplo respecto de cales son os tempos da resposta e como esta debe ser. O que restou algo de empuxe á folga convocada para o pasado día 14, e mesmo así foi un éxito e as manifestacións foron masivas, máxime tendo en consideración que febreiro é un mes do período de vacacións.

Continue reading →

Milei, facer de todo un lameiro

O Presidente arxentino, Milei, mantén a presión ao máximo aprobando decretos lei (DNU) que van contra a maioría social, forzando un axuste en todos os ámbitos en beneficio de empresas e grandes fortunas. Como camiño utiliza a escusa de que estaría xustificado ignorar a súa aprobación no Congreso pola situación de emerxencia nacional. Mais, por si acaso, o Governo acaba de remitir unha nova serie de propostas para o debate parlamentar complementarias en moitos casos das DNU e que ademais modifica a institucionalidade dándolle total primacía ao Executivo sobre o Parlamento (A Lei Ómnibus). Usurparía as competencias do Congreso e implantaría máis leis represivas contra a protesta social. É un Golpe de Estado “brando”.

Continue reading →

Milei, neoliberalismo radical

As primeiras medidas de Javier Milei xa estaban anunciadas como unha ruptura total, coa escusa de que isto permitía comezar de novo e facelo ben, deixando no pasado eivas e atrancos inmensos que seica o “progresismo” impuxo á economía nacional (xa que a dereita non as solucionou só porque lle faltou valentía). A estas eivas sumaban a permisividade coa violencia (por exemplo a inseguridade pola ocupación de vivendas e innumerábeis roubos á clase traballadora e pequenos comercios…). Polo tanto afirmábase que había que poñer orde nos de abaixo e sobre todo na casta política; deixando a un lado no relato a enorme concentración da riqueza en cada vez menos mans, a especulación financeira, os cepos impostos polo FMI e as súas regras neoliberais, privatizadoras…

Continue reading →

Arxentina, Massa pode e debe gañar… con que ataduras?

Os resultados das eleccións na Arxentina representan unha sorpresa se temos en consideración a información que nos chegaba dos medios controlados polo sistema. A lectura que estes facían previamente das primarias (PASO) era que se consolidaba a tendencia en ascenso de Javier Milei de La Libertad Avanza. Ou sexa ultraliberal no económico, quere privatizalo todo, mesmo a mar, e con propostas contra as clases explotadas e marxinadas moi agresivas. Moitos medios presentaban a Milei como un teatreiro, un esaxerado, un produto do desacougo da maioría social cos governos anteriores de centro esquerda e dereita, que seica non confrontaron coa esencia do problema: cambiar o modelo económico e social, rexeitando a dependencia exterior,… deixaban andar.

Continue reading →

Xiro á extrema dereita na Arxentina

Despois da Guerra Mundial milleiros de galegos e galegas emigraron á Arxentina, que era daquela o país de América ao sur dos Estados Unidos que tiña mellor situación económica: unha agricultura poderosa e unha industria en crecemento. Así como unha educación pública masiva polo pulo que lle deu o peronismo, malia súas contradicións. Este foi un período de expansión que comezou con Péron, freouse co golpe militar e a submisión a Washington, colleu folgos cos executivos radicais, como o de Frondizi, e de novo marcha atrás de novo co exército no poder e unha dura represión (Ongania, Livingston, Lanusse).

Continue reading →

O governo arxentino dá un paso atrás

Segundo Claudio Lozano, prestixioso economista de esquerda, até hai pouco director do Banco Nación, e membro de Unidade Popular, unha forza integrada na Fronte de Todos, o cambio de titularidade no Ministerio de Economía implica un xiro á dereita do governo progresista de Alberto Fernández. O novo ministro Sergio Massa, antes presidente da Cámara de Deputados/as, e líder da Fronte Renovadora, tamén integrante da FdeT, representaría a liña máis próxima ao empresariado e aos Estados Unidos. Sen dúbida nesta decisión do presidente arxentino incidiu unha inflación desbocada, que atinxe o 71% anual, unha taxa de pobreza do 37-40%, e a presión do FMI, co que durante o governo de Mauricio Macri o país adquiriu unha débeda impagábel (44 mil millóns de dólares). O PIB medrou no ano 2021 un 10,3% e no primeiro trimestre de 2022 só un 0,9%, e a taxa de desemprego atinxe o 11%.

Continue reading →

Arxentina, entre atrancos e ilusións

A toma de posesión do novo goberno arxentino ten unha importancia que transcende o país. Non se pode obviar que a oposición está aglutinada en boa medida arredor de Mauricio Macri, que ademais acadou un 41% dos votos na segunda volta, e que lle deixa a Alberto Fernández unha herdanza que é unha bomba de tempo, e que fica arrodeado de gobernos de dereita e submisos a Washington. Agora ben, tampouco se debe desprezar a compresión por parte do pobo das dificultades nas que queda a nación por mor das políticas neoliberais aplicadas por Macri e partidos que o apoiaron, e as revoltas populares que axitan América Latina por estes mesmos motivos.

Continue reading →