Concentración e centralización do capital e do poder

O debate político, que debía estar centrado na situación socioeconómica, no respecto polos dereitos colectivos e individuais (ecoloxía, igualdade, respecto pola diversidade, xustiza social, soberanía nacional…) que son a preocupación da gran maioría da povoación, aquela que cada vez lle custa máis chegar a final de mes, non é así, xa que están nun segundo plano ou trátanse esquematicamente. Isto tamén sucede respecto á urxencia dun novo marco nas relacións entre Cataluña, Euskadi, Galiza con aquelas outras nacionalidades ou autonomías do Estado español. Porén as forzas dominantes todo o queren reducir a ruptura ou submisión, mentres ceden competencias á Unión Europea e se decide entrar indirectamente na guerra entre Rusia e a Ucraína+OTAN e multiplicar o gasto en defensa como se fosen tramites administrativos.

A polémica hoxe está centrada en superar a conxuntura con análises parciais e cuestións de forma (acentuando os ataques persoais, as lawfare…) en vez de divulgar e debater coa e na sociedade os cambios sistémicos que son necesarios. Resulta evidente a intención de afastar ás maiorías das decisións estratéxicas. Este xeito de axer non é casual, responde a querer reproducir en beneficio dunha minoría, por parte de “occidente”, a globalización neoliberal e o papel que xogou cada país e clase social nas últimas décadas. Pensando que este obxectivo é posíbel illando a China, Rusia e outras potencias rexionais, e os países que necesitan e fan os máximos esforzos por consolidar un mundo multipolar. Este sería o único xeito de facer fronte ao forte proceso de centralización e concentración da riqueza e do poder nunhas poucas grandes corporacións.

Sen dúbida, a etapa actual do capitalismo global alentou avances no aspecto técnico que facilitan mellores condicións de vida e aumentan a actividade produtiva, porén ao mesmo tempo dan pulo como nunca antes á desigualdade de ingresos entre estados (e dentro deles das nacións que os conforman; así como entre as clases sociais que os integran). Daquela que hoxe cunha masa laboral asalariada que supera o 80% na maior parte dos países a parte que lle corresponde do PIB non chegue ao 45%, mesmo nos estados considerados avanzados (incluíndo nesta proporción da renda os salarios dos directivos, que en moitos casos superan 50 ou cen veces os ingresos salariais medios na empresa).

Polo tanto, non se trata só de informar sobre os datos de emprego e paro mensual, ou da evolución do PIB, por exemplo, senón de analizar as tendencias nun período máis longo pra poder ter unha perspectiva máis axeitada sobre o escenario que se está a construír. Pra o cal é necesario ampliar a análise a todos os aspectos que teñen unha relación importante co tema que se está tratado (no laboral: as condicións de traballo, a xornada, as cotizacións sociais, a contía por despedimento e garantías de que non se producirá por decisións arbitrarias, etc). Trátase de que a sociedade teña unha visión máis ampla e completa, polo tanto estratéxica e con a maior precisión, dos retos sistémicos cos que confrontamos nesta conxuntura na que está en disputa, ademais do modelo de globalización (unipolar? Multipolar?), sistemas económico-sociais distintos, pra resolver retos como o ecolóxico, a demografía, as migracións masivas, evitar un conflito nuclear…

Un informe sobre a desigualdade de World Inequalite de 2022 valoraba así a situación: “As desigualdades de renda e riqueza aumentou case en todas partes desde o 1980 (…) As desigualdades de riqueza global son aínda máis acusadas que as desigualdades de ingresos (…) A metade máis pobre da povoación o mundo apenas ten o 2% do total riqueza. Pola contra, o 10% máis rico posúe o 76% de toda a riqueza”

Artigo publicado o 14 de maio de 2024 en La Región