A oposición a Milei enche as rúas

O que está a pasar na Arxentina, tanto a nivel político, como económico e social, ten unha importancia que desborda as fronteiras do país, porque se tiveran éxito as reformas reaccionarias e elitistas de Milei, serían un exemplo que o gran capital internacional, o máis beneficiado cos cambios que propón o anarco-capitalista, axiña trasladaría total ou parcialmente a outros estados. Lembremos que falamos dun país con case 2,8 millóns de quilómetros cadrados de superficie e 46 millóns da habitantes, cunha sociedade politizada e un sindicalismo forte e uns movementos sociais moi activos. Para non determe moito no tema, cómpre recoñecer que o triunfo de Milei non só é produto da hipoteca exterior da economía, da extensión da pobreza, das políticas dos últimos gobernos que representaban respectivamente a alternativa de dereita (Macri) e progresista (Fernández), senón tamén da falta dun proxecto para esta etapa (especialmente por parte do peronismo pola importancia da súa incidencia social) e da capacidade que amosou Milei para reunir a todos/as os descontentos con ambos estremos da oferta oficial do sistema, e sobre todo aos inimigos ideolóxicos do Kirchnerismo.

Estes cinco meses de Goberno de ultradereita, dun presidente que cualifica ao Estado como unha organización criminal (que el preside!) e ademais gaba nunha reunión con empresarios a aqueles que defraudan ao fisco cualificándoos de heroes. Ao que se engade unha serie de medidas que precarizan aínda máis as relacións laborais, dan un trato beneficioso á importación de produtos foráneos e facilitan ao capital internacional que se apropie das inmensas riqueza mineiras do país… Ao que se debe sumar a sua actitude a prol de penalizar o aborto, trato discriminatorio contra a diversidade sexual, recorte as pensións, paralización da obra pública e das transferencias de recursos  ás provincias, criminalización da protesta social e laboral, ataques aos gobernos progresistas, submisión aos Estados Unidos e aplausos para Netanyahu, etc.

Durante estes meses utilizouse por parte de Milei como escusa que a inflación, o estancamento económico, o medre da desigualdade e a precariedade social, era a hipoteca que deixaba a inmensa burocracia do sector público, o Estado, (ligada aos partidos sistémicos e a un capitalismo subvencionado e corrupto), que esmagaban a vontade e esforzo dos arxentinos/as para mellorar as súas condicións de vida. Obviando a concentración e centralización da riqueza, a dependencia externa, a importancia da educación e sanidade pública, das axudas sociais aos sectores máis empobrecidos e marxinados, así como o fracaso da privatización das pensións e de empresas públicas como Aerolíneas, etc por parte de gobernos anteriores da dereita. E como as medidas protectoras dos economicamente mais débiles que tiveron os governos progresistas en comparación coa xestión que fixeron os de dereita deron resultados que beneficiaron a todas as clases sociais. En resumo, segundo o relato de Milei, ao marxe de calquera balance histórico e reducindo a análise aos últimos anos,  superar esta etapa (que beneficiou á “casta”) necesitaba de grandes sacrificios durante un período, mais xa este ano veríanse os primeiros resultados positivos. Foi así?…

É verdade que a inflación reduciuse, en marzo foi un chisco inferior ao 10%, mais a un custe social e económico moi grande. Algúns datos. A caída do PIB foi dun -10%, a do consumo en supermercados do -15%. A industria recua en marzo, en termos anuais, un 21,2% e a construción o 42%. De se manter esta tendencia, o peche de empresas ou redución do persoal contratado, así como a caída dos ingresos fiscais, agravaran a situación económico e social, e polo tanto daran máis folgos á conflitividade e inestabilidade política.

Co escenario que debuxan os datos de marzo ficamos diante dun inverno ateigado de protesta social, paros e mobilizacións, das que as folgas xerais convocadas pola CGT, e polas dúas CTA, os pasados 24 de xaneiro e 9 de maio foron un adianto. Ademais trátase de accións de contestación que tomando problemas concretos, como a manifestación contra os recortes na Universidade, do pasado 23 de abril, ou a mobilización obreira do 1º de maio e a folga do 9 de maio, non so superan accións de protesta anteriores, senón que son moi masivas e convocan a sectores moi amplos da sociedade . E, o fundamental, marcan unha tendencia positiva moi clara que cuestiona a base electoral de Milei, xa que cada vez participan máis persoas que non votaron nas eleccións ou o fixeron a prol do relato seica “rupturista” do “anarco-capitalista”.

O importante agora é que esta resposta social conte cunha, o varias, organizacións políticas á altura dos retos da conxuntura. E neste aspecto, polo peso que ten na sociedade arxentina, como se defina a maioría dentro do peronismo e cal sexa a sua política de alianzas, será algo fundamental. En todo caso o primeiro paso na folla de ruta é combinar fortes medidas de rexeitamento contra a contrarreforma que quere impoñer un capitalismo no que impera exclusivamente a lei do máis forte, e ao mesmo tempo ofrecer un proxecto de estado soberano, no que a xustiza social e a defensa da natureza, a solidariedade e igualdade de trato, sexan parte cotiá da proposta no ámbito político, institucional e na sociedade. Ambos relatos, propostas, deben formar parte de toda a folla de ruta.

Coma se supere esta conxuntura deixará moitas ensinanzas, no só para a Arxentina e América Latina senón para todo o mundo. O gran capital está probando novos medios para reducir a contestación popular, fragmentando á sociedade e intentando gañar a loita das ideas, para aumentar o lucro mediante a sobre explotación laboral e a obtención de recursos primarios a prezo de saldo.

Artigo publicado o 12 de maio de 2024 en Nos Diario dixital