Rol subordinado e saída de recursos

A evolución económica da Unión Europea é preocupante, máxime cando afecta moi especialmente ao sector industrial, e aos dous estados que fan de locomotora: Alemaña e Francia. Os motivos desta crise están no aumento do prezo da enerxía e materias primas, por mor guerra na Ucraína e as sancións a Rusia, así como polos atrancos ao comercio con China. Accións coas que se pretende impedir a consolidación dun mundo multipolar. Mais, os maiores custes desta folla de ruta son para Unión Europea, e perdendo peso na cadea de valor, mentres aumenta súa dependencia militar e económica de USA, destruíndo seu papel subimperialista. 

Polo tanto, nesta conxuntura, aínda que o Estado español aproveite o tirón do sector turístico e as axudas do plan Next Generation, o certo é que a produción industrial caeu durante o ano pasado no -1,9%. Este retroceso foi maior na Galiza, do -2,9%. Ademais no noso país o emprego na industria pasou de 210.200 persoas en decembro de 2008 a 174.700 no mesmo mes de 2023. Perdéronse en 15 anos 34.500 empregos!!! nunha actividade cun carácter multiplicador.

A resposta da Xunta de Galiza foi manifestar preocupación pola situación, cando xurde o tema, e afirmar que está a impulsar proxectos relevantes, que poucas veces se cristalizan (As Pontes?…), ou son moi cuestionados pola povoación (Altri, os aeroxeradores mariños, etc.). O certo é que a actividade industrial que subsiste no país, agás algunhas excepcións, amosan aspectos negativos en termos de futuro. Tampouco se pode obviar o cada vez maior control das empresas máis dinámicas da Galiza dos centros de decisións externos. Como exemplo desta tendencia regresiva, temos o cativo investimento externo na Galiza, en contraposición coa saída masiva de capital. Dando pulo a un circulo vicioso que cómpre rachar para crear emprego, aumentar salarios, dignificar as condicións laborais, xerar condicións favorábeis ao medre da natalidade e terminar coa emigración forzada de gran parte da mocidade. 

Hai excepcións a esta tendencia dominante, en empresas e sectores, porén a tendencia hexemónica deixa en evidencia que a evolución da nación galega é a dunha economía secuestrada, que destaca por exportar man de obra cualificada e capital (por máis que o agochen os partidos estatais). Un papel subalterno que se agrava nesta conxuntura negativa, xa que o reaxuste vaise facer, se non o impedimos, máis unha vez a costa da periferia e en beneficio dos centros de poder político e económico, tanto na UE como no Estado español.

Artigo publicado en Diario de Ferrol o 15 de xuño de 2024