Desenvolvemento e soberanía

No período 1732-1768  Galiza tiña o 14% dos habitantes do Estado Español (EE) e producía o 8,3% da renda. Nestes tres séculos, e a bulir dende a Guerra Civil e a ditadura franquista, fomos perdendo renda e poboación. Un proceso que se mantivo malia a conquista de dereitos democráticos básicos e da autonomía coa caída da ditadura, a chamada “transición democrática”. Porque no esencial mantivéronse centralizados, ou cedéronse á Unión Europea, os mecanismos fundamentais de control da economía galega e das relacións laborais, da cultura e dos medios de comunicación… 

En resumo, a situación neocolonial non terminou co Estatuto e a entrada na UE, como o galeguismo moderado coidaba. Vexamos a evolución. No ano 1972 Galiza tiña 2.687.000 habitantes e o Estado español (EE) 34.408.000. No ano 2023 o noso país tiña 2.699.000, e o EE 47.432.000 persoas. Ou sexa, Galiza medrou menos do 0.2% e mentres que o EE creceu un 38%. En concreto un aumento de case que 13 millóns de persoas, destacando Madrid con preto de 3 millóns, Cataluña e Andalucía con 2,5 millóns cada unha, Valencia cuns 2 millóns. No referente ao PIB galego, no ano 1973 era o 5,45% do Estado español e no ano 2020 atinxiu o 5,25%.

Diferencias abismais, regresivas, tanto en relación ao PIB como á poboación respecto do século XVIII porén tamén ao período actual “democrático”. Nesta etapa hai un crecemento no EE dos territorios costeiros, pola potenciación do turismo e as melloras na comunicación, sendo Galiza unha excepción. Ademais, o medre salientou en Madrid, malia estar afastada da costa e non ser un polo industrial, foi clave a capitalidade e a centralización do poder, e un sistema á súa medida das vías de comunicación.

A estes malos resultados económicos e demográficos na Galiza, como consecuencia do recuar do PIB, do emprego e os baixos salarios, que mantivo alta a emigración da mocidade, ao que se engade o feito de que a poboación non medrase en medio século, senón que o número de persoas nacidas no país é inferior as que morren. Ao que hai que sumar e da exportación de capitais e a merca (de moitas) das empresas máis dinámicas por corporacións foráneas. Esta tendencia regresiva económica e demográfica compensouse parcialmente coa chegada de inmigración tanto do EE como doutros países do mundo, mais non se pode obviar o efecto que ten respecto da loita a prol de defender a identidade nacional, nen que máis dun 50% dos inmigrantes están situados por debaixo doa límites da pobreza. As políticas de integración a todos os niveis son fundamentais.

En resumo, seguimos a exportar emigrantes, co agravante de que hoxe son en gran medida persoas cunha gran formación, e ademais sumase a exportación de capital que multiplica varias veces o investimento externo na Galiza. Unha balanza exterior negativa en termos económicos. Daquela que medre a renda media e ao mesmo tempo tamén o faga a desigualdade social e non creza o emprego. Xa que a nación galega mantén no esencial un papel subalterno na cadea de valor. Polo que a cuestión da dependencia segue a ser o aspecto fundamental que condiciona noso presente e hipoteca o futuro, tanto no plano económico e político, como no cultural e lingüístico, porque son todos temas interrelacionados, malia que o neoliberalismo (imperialista) prefira que todo o vexamos e tratemos por separado. 

Ao anterior engádese, como unha cuestión relevante, que o goberno da Xunta de Galiza fora exercido normalmente por partidos de ámbito estatal (agás períodos moi limitados e nun papel secundario participou o nacionalismo), o que marca unha diferenza cualitativa respecto de Cataluña e de Euskadi, tal como se reflicte no maior grao de desenvolvemento de ambas nacionalidades. Nesta tendencia dominante, non se pode obviar a incidencia do proceso da globalización neoliberal, encabezado tamén en boa medida pola Unión Europea, que esvaeu moitas das competencias autonómicas e afastou e burocratizou os organismos que toman as decisións estratéxicas, especialmente no aspecto económico e financeiro.

Para reverter esta tendencia regresiva fai falla que a nación galega conte con plenas competencias en materia económica, social, cultural…, tal como xa pedía o nacionalismo nas Bases Constitucionais para a Nación Galega na década dos setenta do século pasado. Noso país xogase moito nesta conxuntura histórica. As solucións non van vir de fóra, aínda que termos unha visión global e boas relacións co resto do mundo é esencial. Daquela que sexa central en todo momento a autoorganización a todos os niveis, tanto para conquistar como para conservar a soberanía no político e medrar no económico, e en todos os aspectos da vida, laboral, social, cultural… 

Artigo publicado en Nos Diario dixital o 9 de xuño de 2024