Autoorganización e eleccións europeas

Cando un país é pequeno, como son a maioría, por máis rico que sexa, se leva séculos xogando un papel subordinado, colonial (como afirmaba a revolución de 1846), como é caso da Galiza, as consecuencias son negativas en termos de emprego e salarios. Esta evolución concretase nunha alta taxa de paro e precariedade, a perda de peso demográfico, e pola caída da natalidade por razóns económicas e a forte emigración da mocidade (ao que se engade a saída de riqueza por máis que se disfrace de investimento externo). Pra facer fronte a esta situación subalterna a autoorganización do povo galego é fundamental, básica. Sen dúbida tamén hai experiencias positivas, como negalo, mais son minoritarias e conxunturais, e a excepción non fai a regra; como amosa a nosa participación no PIB e no emprego respecto do Estado español, estancado desde hai décadas.

É vidente que cando governan as forzas de esquerda, en institucións como a Unión Europea (UE), o Governo central, e a Xunta de Galiza, hai unha contexto máis positivo, mais non abonda, porque cómpre un cambio estrutural, xa cos límites están impostos polo modelo, e as prioridades dos partidos de ámbito estatal, que son hexemónicas, e están supeditadas aos aos centros de poder e ás clases dominantes do EE. A forte medre demográfico de Madrid como centro económico e receptor de investimentos desde a entrada na UE é un exemplo, do proceso reforzado pola globalización neoliberal pola que “Bruxelas” apostou. Unha tendencia que se fortaleceu malia o paso positivo que implicou o Estado das Autonomías, xa que nos aspectos fundamentais estaban supeditados a un modelo que centralizaba e concentraba o poder político, a cultura e a economía (fiscalidade, traballo, macroeconomía, relacións exteriores, etc). 

Neste contexto económico, social e político, os mecanismos cos que conta o povo galego pra reverter a situación, e desenvolver a economía, non son moitos, e os fundamentais son a mobilización social e termos unha forte presenza nas institucións galegas a todos os niveis, así como no ámbito do EE e da UE. Polo tanto a autoorganización é unha cuestión central pra que os problemas e reivindicacións do país estean sempre presentes e construír maiorías a prol dos intereses da Galiza, convencendo e facendo alianzas. E este papel só o  realizaron, no grao que é necesario, as forzas de ámbito galego, como é o caso do BNG, que ten na Galiza os centros de decisión. Non é casual  que teña presentado durante anos nos parlamentos do EE e no da UE unha morea de temas. É a voz galega. Xa que, pra alén da vontade dos deputados/as dos partidos de ámbito estatal, sexan de dereita ou de esquerdas, as súas intervencións nestes parlamentos están supeditadas ao que se decida en Madrid. Así de sinxelo, e estes son os outros límites da representatividade da autonomía dos que pouco se fala e debate, porén son moi importantes, tal como se evidencia cando se compara a evolución económica e social da nación galega coa de Cataluña e o País Vasco.  

A poucos días das Eleccións Europeas é esencial que os/as votantes fagamos unha lectura e análise critico da situación económica e social de Galiza por mor das medidas que se tomaron en Bruxelas. Porén tamén do papel que nas institucións europeas tiveron os partidos de ámbito estatal con presenza política na nación galega, porque avalaron estes retrocesos ou mantiveron unha actitude pasiva. Todo indica que deu máis réditos a iniciativa de Ana Miranda, sendo a única deputada do BNG no Parlamento europeo, coas limitacións que iso implica, cando se compara con outros deputados/as galegos que ían nas listas de partidos estatais. A autoorganización é fundamental, porque converte a presenza individual nun protagonismo colectivo, dá unha voz en primeira persoa ao povo galego.

Artigo publicado en La Region o 4 de xuño de 2024